O goberno local da Illa de Arousa mellorará o alumeado do campo de fútbol Salvador Otero

O Salnés
26 de maio 2024

Aproveitará unha achega do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación que repartiu xa 2,8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

Partido entre Céltiga e Barbadás no Salvador Otero
Partido entre Céltiga e Barbadás no Salvador Otero

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello da Illa de Arousa, por valor de máis de 31.000 euros, coa que poderá facer fronte á mellora do alumeado do campo de fútbol Salvador Otero, situado no lugar de Testos.

Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para os 59 concellos da provincia cun número de habitantes inferior a 50.000.

Con esta nova inxección, o Concello da Illa de Arousa poderá impulsar nesta instalación deportiva novas medidas de medio ambiente e sostibilidade, tendo en conta ademais que este campo é onde teñen lugar os partidos da categoría preferente galega grupo sur e que é ademais a base do Céltiga Futbol Club desde fai máis de catro décadas. A achega da Deputación permitirá sufragar a substitución dos proxectores actuais por 24 novos exemplares con tecnoloxía LED.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas mobilizou ata o momento máis de 2,8 dos 4 millóns de euros do orzamento total.