O novo Goberno local proporá no próximo pleno municipal aprobar unha modificación de crédito de 89.168 euros "para poder facer fronte aos intereses que o Concello de Poio ten que pagar derivados das débedas que mantén cos bancos".
Segundo explica o informe da tesourería municipal, son uns gastos que non contan con consignación orzamentaria suficiente e que non se poden demorar ata o exercicio seguinte. Por iso, con esta modificación de crédito o Goberno do alcalde Ángel Moldes quere asegurar que "o Concello de Poio cumpre coas súas obrigas".
Moldes explica que o novo Goberno está "esforzándose por dar pasos cos que cambiar esta situación", e márcase como obxectivo "controlar o gasto e intentar salvar esta situación económica do Concello".
O alcalde de Poio afirma que neste pleno van "buscar unha solución a un dos moitos problemas que deixou o anterior goberno do tripartito, que gastaron sen ningún tipo de control".
O Goberno local reitera que na actualidade, e segundo a auditoría interna feita polos propios técnicos municipais, o Concello de Poio ten unha débeda de 8 millones de euros cos diferentes bancos e coa Deputación de Pontevedra, ademais de facturas sen pagar por valor de un millón de euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.