O goberno local de Poio insistirá na petición á Xunta dunha marquesiña para os escolares de Raxó

Poio
07 de outubro 2020

Os integrantes do tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio) presentarán esta petición no pleno da corporación. Sinalan que a Xunta de Galicia non deu resposta a esta solicitude dunha infraestrutura que evitará que os estudantes teñan que agardar o transporte escolar á intemperie durante o inverno

Lugar en Raxó onde o Concello de Poio propón que a Xunta instale unha marquesiña na PO-308
Lugar en Raxó onde o Concello de Poio propón que a Xunta instale unha marquesiña na PO-308 / Concello de Poio

No pleno do 27 de outubro debaterase a petición á Xunta de Galicia dunha marquesiña en Raxó no tramo da PO-308, no lugar de Covelo, na parroquia de Samieira. Os tres partidos do goberno local, BNG, PSOE e Avante Poio, presentarán unha moción para solicitar esa instalación na parada de autobús.

Segundo expoñen desde o Concello, trátase dunha reclamación veciñal porque os escolares teñen que esperar ao transporte á intemperie e, tanto no outono como no inverno, enfróntanse ás condicións meteorolóxicas.

O goberno local tamén quere que a Consellería de Infraestruturas recupere a parada de autobús que existía nesas inmediacións e que se suprimía durante as obras de mellora desta estrada que cruza o Concello de Poio pola costa.

Os tres  artidos móstranse sorprendidos pola falta de resposta por parte da Xunta a estas demandas ao tratarse de obras menores. Chelo Besada, concelleira de Obras, sinala que existe un espazo próximo á parada de autobús dos escolares onde tería cabida a marquesiña que se demanda e, con todo, a Xunta non comunicou a súa intención de executar esta obra. Tamén lamentan desde o goberno local que a Consellería non tivese en conta numerosas alegacións realizadas ao proxecto de reforma da PO-308. 

Por outra banda, o Concello de Poio realiza xestións para habilitar unha marquesiña de autobús en Casalvito, unha moción que presentara no último pleno o Partido Popular e que foi aprobada por unanimidade. O alcalde Luciano Sobral indica que se está tentando localizar ao propietario dunha parcela onde se podería instalar a marquesiña. O goberno local tamén quere traballar nun plan para mellorar estas instalacións en todas as parroquias.