O goberno local de Ponte Caldelas, disposto a asumir a construción do comedor escolar da Reigosa

Ponte Caldelas
26 de setembro 2017

Nunha moción que se presentará este xoves no pleno tamén ofertan facerse cargo do 50% das obras de ampliación do ximnasio, nunha aposta decidida polo ensino público e de calidade

O alcalde Andrés Díaz ante o Colexio da Reigosa
O alcalde Andrés Díaz ante o Colexio da Reigosa /

O goberno local de Ponte Caldelas levará ao pleno deste xoves unha moción para resolver as deficiencias que presenta o colexio de Educación Infantil e Primaria da Reigosa. Propoñerán á Consellería de Educación a sinatura dun convenio que permitiría que o Concello asumise a obra completa do comedor do colexio, que vén demandando a comunidade escolar e tamén o 50% da ampliación do ximnasio.

A proposta inclúe unha declaración expresa de apoio ás protestas da Asociación de Nais e Pais (ANPA) deste centro, que se incrementaron neste curso ao ser eliminada unha profesora de Infantil, agrupando a escolares de distintas idades na mesma aula.

Desde o goberno local lamentan que a Consellería rexeitase, meses atrás, un proxecto presentado polo Concello para ampliar o ximnasio incluíndo o comedor escolar. O alcalde Andrés Díaz culpa ao xefe territorial, César Pérez Ares de adoptar a decisión política de non permitir esa proposta alegando pequenas pegas.

Para esta nova proposta que se presentará no pleno, o Concello só esixe á Consellería de Educación que o comedor se sitúe dentro do propio edificio do colexio e facilitar así o financiamento da obra. En todo caso, Díaz afirma que para asumir esa obra o Concello terá que endebedarse pero considera que son obras "moi necesarias" na súa aposta polo ensino público.

O alcalde arremete contra a Xunta de Galicia sinalando que a Consellería de Educación alegou que non dispoñía de 70.000 euros para ampliar o ximnasio do colexio da Reigosa pero si contaba con esa cantidade para mellorar a cuberta do patio de recreo do colexio de Tenorio.

"Esas son as prioridades desta administración que trata aos escolares segundo a cor política do concello onde residan", afirmou Andrés Díaz lamentando a actitude do goberno de Núñez Feijóo.