O goberno local do Concello de Sanxenxo considera que a resposta da oposición á súa decisión de licitar a xestión do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) recupera "un vello debate xa superado polos partidos da esquerda e non digamos xa pola sociedade nos anos noventa".
O goberno local do Partido Popular incide en que "a privatización é unha mentira máis dunha esquerda trasnoitada que padece Sanxenxo".
Asegura o goberno do alcalde Telmo Martín que o 80% dos concellos de Galicia con SAF téñeno externalizado, e cita os casos de Meis, O Grove, Cambados, Vilagarcía e Pontevedra "gobernados pola esquerda". Con todo, engade o executivo local, "Sanxenxo ten unha oposición hipócrita que aplica o dobre rasero".
Especialmente molesto mostrouse o equipo de Telmo Martín con quen acusa ao goberno local de deteriorar os servizos sociais. Neste sentido argumentan que a Asociación Española de Xerentes de Servizos Sociais "din xusto o contrario", ao sinalar que Sanxenxo gasta 84 euros por veciño en servizos sociais, fronte aos 42 euros de Vigo e os 35 euros de Pontevedra.
Ademais afirma o goberno local que "á oposición éncheselle a boca defendendo ás traballadoras do SAF, pero tivo que ser o goberno do PP quen lles subiu o 17% do seu soldo en 2018. É falso que a externalización prexudique ao persoal". Así, citan como proba diso que en 2013 xa se fixo coa xestión da gardería de Sanxenxo "e o seu persoal mantivo os mesmos dereitos, antigüidade e mesmo seguen rexéndose polo convenio do Concello máis favorable que o sectorial".
Por último, tamén destacan que a prioridade do goberno son os veciños maiores que dependen deste servizo para poder levar unha vida normal. "Algo que nunca lle interesou á oposición, nin a CCOO, pola contra non se opuxeron ás melloras que en 2018 fixemos no SAF e a xustiza acabou avalando, a pesar da denuncia sindical", apunta o goberno local.