O Goberno local destaca a "moi boa acollida" da compostaxe individual entre os veciños de Lusquiños

Pontevedra
01 de maio 2019

Este martes se celebrou a primeira reunión cos veciños que "se amosaron moi colaboradores e interesados pola iniciativa". O xoves e o venres se repetirán os encontros en Tomeza

Composteiros individuais
Composteiros individuais / Deputación de Pontevedra

O Concello de Pontevedra celebrou este martes a primeira reunión cos veciños de Tomeza para presentarlles o modelo de compostaxe individual que se implantará na parroquia ao longo do mes de maio. É a primeira parroquia que se incorpora ao sistema de compostaxe municipal.

Ao Local social de Lusquiños asistiron un nutrido grupo de residentes no lugar de Lusquiños que, segundo informou o Goberno local, "se amosaron moi interesados no plan, confirmaron a súa implicación, de feito xa solicitaron formalmente os composteiros, e se comprometeron a informar a outros veciños que non puideron ir á reunión de onte".

No encontro estiveron o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña así como responsables da oficina de compostaxe do Concello, que explicaron o procedemento da compostaxe e resolveron dúbidas. Para aqueles que non se puideron achegar a esta reunión, o Concello manterá outras charlas o xoves e o venres tamén no Local social de Lusquiños.

En principio, a charla do 2 de maio, está prevista para os residentes nos lugares de O Pobo, O Alcouce e Casal do Río a partir das 20.00 horas; e o venres, á mesma hora, para os veciños de Carballa, O Marco, Pomariño, O Pombal, Valadiña e San Pedro.

Todas aquelas persoas que non poidan acudir na data que lle corresponde a súa zona, poden incorporarse ás que están programadas.

Unha vez que o Concello reciba todas as solicitudes, a empresa gañadora do concurso será a encargada de entregarlle os composteiros en cada unha das vivendas e de montalos. Os técnicos da empresa Fruga serán os que acudan, acto seguido, ás casas para informar sobre como se composta e facer un seguimento doméstico. A empresa Fruga está contratada pola Deputación para este cometido.