O goberno local e os comuneiros concretan súa participación na Mesa de Turismo de Poio

Poio
17 de decembro 2023

A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, acompañada da técnica municipal da área, reuniuse esta semana coas comunidades de montes veciñais en man común do municipio para concretar a forma en que estas entidades estarán representadas na Mesa do Turismo local

Bosque de Colón
Bosque de Colón / Turismo Rías Baixas

A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, acompañada da técnica municipal da área, reuniuse esta semana coas comunidades de montes veciñais en man común do municipio para concretar a forma en que estas entidades estarán representadas na Mesa do Turismo local.

Na reunión, á que foron convocadas as directivas das comunidades de San Salvador, San Xoán, Combarro e as dúas comunidades de montes de Samieira, a responsable municipal quixo reivindicar o papel destas organizacións no desenvolvemento turístico de Poio. 

Os obxectivos son "preservar, xestionar e valorizar o monte comunal é tamén facelo cos recursos turísticos que contén, e contribuir a consolidar o noso concello como un referente no turismo sostible e de calidade".

Cochón destacou elementos como o Bosque de Colón, a ruta dos Miradoiros, contornas naturais como a Cuna da Moura e mesmo treitos das variantes xacobeas que atravesan o concello. Son atractivos naturais, culturais e turísticos, visitados cada ano por milleiros de persoas "e cuxa conservación sería imposible sen a labor dos comuneiros".

As comunidades de montes de Poio xestionan aproximadamente 1.500 hectáreas de terreo, o que supón case a metade de toda a superficie municipal, polo tanto "teñen moito que aportar no futuro do turismo de Poio, un futuro sustentable e de calidade para todos, á altura dun destino único como Poio", dixo a concelleira.

A Mesa de Turismo creouse no pleno municipal de novembro como un órgano consultivo experto que reunirá a representantes de todos os ámbitos da actividade turística para estudar e afrontar xuntos os desafíos do sector. Presidida polo alcalde, incluirá alomenos 25 vogais en representación de empresas, administracións, colectivos, veciñanza e todos os axentes relacionados coa actividade turística.

A reunión coas comunidades de montes é a primeira de varias xuntanzas previstas para concretar a participación de sectores sen estrutura asociativa propia. Nos vindeiros días celebraranse tamén reunións co tecido deportivo e social para designar os vogais que participarán na sesión constitutiva da Mesa, que terá lugar nas próximas semanas.