O goberno local interpreta a apertura dun novo Mercadona como unha mostra do crecemento de Marín

Marín
27 de febreiro 2023

"Estamos conseguindo transformar esta parte tan céntrica da vila", destacan no goberno local, que recorda que tamén é "unha oportunidade para a promoción inmobiliaria", dado que existen parcelas de solo urbano que "agora resultan máis atractivas"

Pablo Novas, Marián Sanmartín, María Ramallo e Manuel Santos
Pablo Novas, Marián Sanmartín, María Ramallo e Manuel Santos / PontevedraViva

Mercadona iniciará en marzo a construción dun novo supermercado en Marín, na parcela de 3.777 metros cadrados que se sitúa entre as rúas República Arxentina e Cortina Bouza. O edificio contará con 6.469 metros cadrados de superficie e terá dúas plantas. 

Desde o Concello, aseguran que esta aposta por parte de desta cadena de supermercados é importante "porque evidencia o atractivo que ten a nosa vila como un lugar no que investir en melloras de negocio". 

Sinalan ademáis que, precisamente esa mazá urbana experimentará con esta obra unha remodelación moi chamativa, unida á recente apertura do viario Travesía República Arxentina.

"Estamos conseguindo transformar esta parte tan céntrica da vila", destacan no goberno local, que recorda que tamén é "unha oportunidade para a promoción inmobiliaria", dado que existen parcelas de solo urbano que "agora resultan máis atractivas" coa apertura da nova rúa, a humanización de Inferniño, que xa se fixo no seu día, a cercanía dun aparcadoiro público gratuito e a dotación, cando rematen as obras, dun establecemento de alimentación como é o Mercadona de última xeración.