O goberno local pedirá a ENCE, Xunta e Estado que traballen no seu traslado: "Temos por diante 12 anos para conseguir ese obxectivo"

Pontevedra
12 de marzo 2021

Os portavoces municipais de BNG e PSOE anunciaron este venres en rolda de prensa a presentación de dúas mocións sobre Ence no próximo Pleno, unha para pedir que se traballe no seu traslado e outra para condenar "as ameazas, as chantaxes e as coaccións" sufridas

Tino Fernández, tenente de alcalde, e Carme da Silva, concelleira do BNG
Tino Fernández, tenente de alcalde, e Carme da Silva, concelleira do BNG / Mónica Patxot

O Pleno Municipal de Pontevedra debatirá o próximo 22 de marzo sobre o futuro de Ence na súa actual ubicación de Lourizán, aos pés da ría de Pontevedra.

Segundo explicaron os portavoces municipais do BNG e PSOE, Carme da Silva e Tino Fernández, "unha delas é unha moción na que o goberno municipal insta á empresa Ence, á Xunta de Galicia e o Goberno do Estado a traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da Ría de Pontevedra como única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo", explicou o edil socialista e tenente de alcalde.

Ambos resaltaron que "a posición do goberno é coñecida e recoñecida, Ence tense que ir de aí", nun plazo que "remata en 2033", defendeu Fernández argumentando que "temos por diante 12 anos para conseguir ese obxectivo e o que lle pedimos dende do goberno municipal á empresa e ao resto de administracións é que poñan toda a súa boa vontade, que negocien con honestidade e con ganas de chegar a acordos".

"Son a emperesa, a administración galega e do Estado as que teñen as competencias industriais, en materia económica e ordenación do territorio, e as que van a dispoñer de fondos e fondos europeos para garantizar o traslado", completou Carme da Silva.

A outra das mocións que se debatirán será nunha "data simbólica", ao ser o 22 de marzo o Día Mundial da Auga, ten que ver co rechazo á "violencia e as ameazas en todo tipo de conflitos pero sobre todo referido ao que se produxo onte e que é un paso máis na escalada que se vén producindo iniciada ou amparada pola propia empresa dende hai algún tempo", explicou o portavoz socialista.

Da Silva pola súa parte incidiu de novo en relacionar a escalada de tensión coa maneira de actuar de Ence e tamén do Partido Popular: "Ante calquera situación que abra unha porta de optimismo e esperanza á sociedade de Pontevedra para ver o tan ansiado traslado de Ence fóra da Ría de Pontevedra a empresa e o Partido Popular activan inmediatamente as ameazas, as chantaxes e as coaccións. Vímolo no pasado coa Lei de Costas, vímolo cando foron actuando nas campañas electorais e vémolo agora novamente", sinalou.

"Así non van conseguir nada. Non conseguiron minar a firmeza do goberno municipal de Pontevedra, nin conseguiron nin conseguirán minar a firmeza da sociedad de Pontevedra que agarda esperanzada a saída de Ence da ría", resaltou a representante do BNG local pedindo a "quen da esas instruccións, que son a empresa e o PP, teñen que mandar parar", ademais de referirse ao sindicato CCOO que é "quen executa as instrucións" e ao que afeou que "anunciase publicamente que iban a seguir e que a escalada violenta ía a ir en aumento", porque "o acontecido no Concello é unha proba de que se sobrepasan todos os límites nesas accións". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora