O Goberno local presume da "boa acollida" entre os veciños e comerciantes á reforma do barrio do Castañal

Pontevedra
03 de maio 2019

O Concello estaba á espera de manter este encontro veciñal para enviar o proxecto a contratación coa previsión de que esta actuación poida estar en obras a final de ano

Rúa Ernesto Caballero, Pontevedra
Rúa Ernesto Caballero, Pontevedra / Nacho Fuentes - Arquivo

O Concello de Pontevedra recolleu este xoves as suxestións e impresións de veciños e comerciantes de Loureiro Crespo e do Castañal, sobre a reforma da rúa que lles presentou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e que tivo, segundo informan, unha "boa acollida".

O Concello estaba á espera de manter este encontro veciñal para enviar o proxecto a contratación coa previsión de que esta actuación poida estar en obras a final de ano.

O concelleiro Demetrio Gómez asegurou que a reunión se celebrou "nun ton moi cordial e colaborador", e recolleu as peticións formuladas polos asistentes, que "se amosaron satisfeitos coas melloras que incluirá o proxecto inicial".

As melloras inclúen a reforma das rúas do barrio do Castañal: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo e Ramón Cabanillas.

O proxecto terá un custe total de 2,5 millóns de euros, cuxo valor ascenderá aos 2,9 millóns incluíndo as melloras.