O goberno local presume de superávit e o PP critica a incapacidade para executar os orzamentos

Pontevedra
17 de febreiro 2016

No avance da liquidación de 2015 recóllese un superávit de 3.146.000 euros dentro dos 70.000.000 euros de orzamento, cunha cantidade de 1.350.000 euros de marxe de gasto. Para os populares, isto amosa a incapacidade do goberno local para realizar investimentos e mellorar o municipio

O concelleiro de Facenda, Raimundo González
O concelleiro de Facenda, Raimundo González / PontevedraViva
Avance de liquidación de 2015 con superávit /

Na comisión de Economía e Facenda presentouse o avance da liquidación de 2015 no que o goberno local fixo público un superávit de 3.146.000 euros, unha cantidade que segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, ofrece unha capacidade de financiamento para o presente exercicio. Apuntou ademais que se cumpriu co teito de gasto cunha marxe de 1.350.000 euros.

Segundo indicou Raimundo González dun orzamento de 70.000.000 sobraron 1.350.000 euros, de maneira que a efectos de gasto en lugar de chegar "a nivel 100 acadouse o nivel 98", evitando que se teña que elaborar un plan económico financeiro. A cifra dese superávit tentarase destinar por parte do goberno local, segundo indicou o concelleiro, a investimentos financeiros sustentables.

Pola súa banda, os concelleiros do Partido Popular, Rafael Domínguez e César Abal sinalaron que estas cifras demostran a incapacidade do goberno de Fernández Lores para executar os seus propios orzamentos. Domínguez indicou que o goberno do BNG é "altamente incapaz, incompetente e improductivo".

Os populares insistiron en que, por exemplo, só se executou o 15% do orzamento da rede de rede de sumidoiros. En melloras de accesibilidade urbana no rural deixaron 1.300.000 euros sen executar, indicou Rafael Domínguez denunciando as dificultades que, segundo entende, ten o goberno local para facer fronte ao orzamento que aproban.