O Concello de Poio ultima a tramitación do Plan Especial de ordenación do Porto deportivo de Combarro que permitirá ordenar e dar seguridade xurídica ás instalacións portuarias, 15 anos despois da súa inauguración.
Segundo informou a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, que someterá o documento a ditame na Comisión de Urbanismo do martes para previsiblemente levalo ao Pleno este mesmo mes para a súa aprobación inicial, tralo que se abrirá un período de exposición pública.
A versión definitiva do Plan especial foi remitida ao Concello por Portos de Galicia o pasado mes de marzo, despois de actualizar o borrador de xuño de 2016 á normativa urbanística e á Lei do Solo de Galicia. Unha vez aprobado, o documento servirá para regular as actividades existentes e futuras, os aparcamentos ou as zonas comúns nos máis de 45.000 metros cadrados que comprende a zona portuaria.
Ademais, o plan inclúe a reserva dun espazo de 257 metros cadrados a favor do Concello. Este novo local municipal terá un uso "acorde cun emprazamento onde se dan a man o pasado e o futuro mariñeiros de Combarro", explicou Cochón, que destacou que para determinar o proxecto definitivo "se contará, en primeiro lugar, coa opinión dos veciños e colectivos da parroquia".
A responsable de Urbanismo celebrou "poder poñer fin a moitos anos de provisionalidade" e subliñou a importancia de dar seguridade xurídica "a unha instalación neurálxica para a economía, o turismo e a relación de Combarro co mar".