O goberno municipal de Pontevedra, "francamente satisfeito" por unhas Festas da Peregrina "de primeira"

Pontevedra
22 de agosto 2022

As primeiras Festas da Peregrina tras o "pesadelo" da covid-19, como sinalou o goberno municipal, deixan unha valoración "extremadamente positiva" no Concello. Así o sinalou este luns a súa portavoz, Anabel Gulías

Concerto de Camela
Concerto de Camela /

As primeiras Festas da Peregrina tras o "pesadelo" da covid-19, como sinalou o goberno municipal, deixan unha valoración "extremadamente positiva" no Concello. Así o sinalou este luns a súa portavoz, Anabel Gulías. 

"Estamos francamente satisfeitos", asegurou a edil do BNG, ante a actividade "frenética" que houbo en Pontevedra desde o Surfing the Lérez, a finais do mes de xuño, e especialmente na resposta da cidadanía na semana grande das festas.

Desde o goberno municipal destacan que rúas e prazas estiveron "ateigadas" de xente para gozar dunha programación festiva "de primeira", o que supuxo ademais un incremento no dinamismo económico da cidade do Lérez.

O Concello celebra o éxito dunha programación "diversa, diferente e gratuíta", apta para todos os públicos, que encheu o municipio dun "magnífico" ambiente festivo grazas a que "a veciñanza respondeu" a todas as propostas.

Anabel Gulías lembrou que, a pesar de que as Festas da Peregrina chegaron á súa fin, "queda moito por ver e por gozar" en Pontevedra.

Así, antes da Feira Franca de setembro, aínda quedan por celebrarse, entre outras actividades, o concerto de Víctor Manuel deste luns ou a Festa do Demo, que terá lugar mañá martes polo centro histórico da cidade.