O goberno municipal, "perplexo, frustrado e anoxado" pola xestión da Xunta na crise sanitaria

Pontevedra
02 de novembro 2020

Hai que tomar decisións "que funcionen" aínda que "non sexan a gusto de todo o mundo". É a contundente mensaxe que o goberno municipal enviou este luns á Xunta de Galicia. Desde o Concello aseguran estar "perplexos, frustrados e anoxados" pola súa xestión da pandemia

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

Hai que tomar decisións "que funcionen" aínda que "non sexan a gusto de todo o mundo". É a contundente mensaxe que o goberno municipal enviou este luns á Xunta de Galicia. Desde o Concello aseguran estar "perplexos, frustrados e anoxados" pola súa xestión da pandemia.

Así o asegurou a portavoz do goberno, Anabel Gulías, que considera unha "tomadura de pelo" a actitude que está tendo a Xunta no tratamento da covid-19 en Pontevedra e en toda Galicia.

"Intentamos ser leais e botar unha man pero o desta fin de semana é inasumible", advertiu a concelleira, que considera que se aos cidadáns se lles pide "facer un esforzo" e cumprir as normas "porque queremos saír desta", a Xunta debe ter "o mesmo comportamento".

Esta situación "non lles pilla de novo" porque esta segunda vaga estaba "anunciada" e, a pesar diso, o goberno galego "non tivo tempo" desde maio para contratar máis rastrexadores, reforzar a administración educativa nin mellorar a situación da Atención Primaria, lamentou.

"A situación económica só se vai a controlar se se controla a situación da covid-19", insistiu a edil pontevedresa, que avanzou que o goberno municipal pedirá "medidas efectivas" para frear os contaxios "porque é obvio que as xa adoptadas non funcionan".

Algunhas das novas restricións aplicadas a Pontevedra, Marín e Poio, engadiu Gulías, "chegan tarde" e outras están a demostrar que non serven para limitar os contaxios. "Hai que ser suficientemente humildes para aprender dos erros", destacou.

"É comprensible o enfado dos cidadáns", asegurou a portavoz do goberno pontevedrés, e a preocupación ante a situación económica que a pandemia vai a deixar en sectores "imprescindibles" para Pontevedra e para Galicia.

GASTOS EXTRAORDINARIOS DA COVID-19

Con respecto aos gastos extraordinarios que a covid-19 está provocando en Pontevedra, Anabel Gulías explicou que o Concello leva investidos case 72.000 euros en servizos de limpeza e desinfección extraordinarios no ámbito urbano e rural.

Desde o inicio do estado de alarma en marzo, a contratación do reforzo da limpeza e desinfección en puntos críticos ou sensibles supuxo 21.364,73 euros, mentres que para a desinfección en colectores e illas de reciclaxe destináronse 20.779,45 euros.

Para a desinfección específica con pulverizador de produtos desinfectantes en puntos do ámbito rural achegáronse 19.223,91 euros e para a limpeza e desinfección de dependencias municipais ante aparición dun posible caso de covid-19 foron outros 1.693,61euros.

Por último, 8.913,80 euros foron para a recollida porta a porta dos residuos xerados nos domicilios de persoas infectadas. O total de domicilios atendidos desde o inicio da crise sanitaria ascende a 78 e, neste momento, a recollida se mantén activa en 17 domicilios.