O goberno pontevedrés vixiará as conexións á rede de saneamento no rural

Pontevedra
26 de xullo 2016

A empresa Laia Xestión levará a cabo unha revisión das conexións á rede de saneamento tras detectar un importante número de vivendas que non están enganchadas a pesar de que si dispoñen dunha condución xeral a menos de cen metros para poder facelo

Técnicos de Aquagest revisando os sumidoiros
Técnicos de Aquagest revisando os sumidoiros / PontevedraViva

A empresa Laia Xestión levará a cabo unha revisión das conexións á rede de saneamento tras detectar un importante número de vivendas que non están enganchadas a pesar de que si dispoñen dunha condución xeral a menos de cen metros para poder facelo.

O portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González, informou que o 50% das vivendas das parroquias de Mourente e Campañó non están conectadas, un dato que valorou como "brutal".

O executivo municipal quere saber cantas vivendas non teñen canalizados os residuos domiciliarios de forma adecuada polo que acaba de adxudicar por 27.321,39 euros a Laia Xestión estes traballos para que no prazo de sete meses e medio inspeccione as parroquias de Santa María e San Andrés de Xeve, Bora, Marcón, Tomeza, Salcedo, A Canicouva e Ponte Sampaio.

O 50% das vivendas das parroquias de Mourente e Campañó non están conectadas

Raimundo González lembrou que o saneamento é un servizo de recepción obrigatoria polo que todos os veciños que teñan a condución a menos de cen metros deben conectarse.

O concello remitirá un escrito a todas as casas próximas a unha rede de saneamento e que non estean conectadas apremándolles a dispoñer do servizo.

Ademais, segundo se detalla na ordenanza fiscal do servizo, aqueles propietarios situados dentro deses límites que rexeiten o enganche, pagarán igualmente os nove euros cada dous meses polo servizo municipal e outros sete polo canon de vertedura da Xunta, o que suma preto de cen euros ao ano.

Raimundo González Carballo explicou que "cada obra de saneamento no rural supón un investimento entre sete e dez mil euros por vivenda", e lembrou que o de rede de sumidoiros "é o servizo máis demandado polos veciños".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora