O Goberno prorrogará o estado de alarma outras dúas semanas, ata o 12 de abril

Pontevedra
22 de marzo 2020

Así llo comunicou este domingo Pedro Sánchez aos presidentes de todas as comunidades autónomas a través dunha videoconferencia desde A Moncloa. Terá que levar esta prórroga ao Congreso dos Deputados 

Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia na Moncloa para informar sobre a evolución da crise do coronavirus COVID 19
Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia na Moncloa para informar sobre a evolución da crise do coronavirus COVID 19

O estado de alarma decretado polo Goberno do Estado para toda España para frear o avance do coronavirus prolongarase outras dúas semanas, de modo que a data inicial do 29 de marzo estenderase ata o 12 de abril.

Así llo comunicou este domingo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aos máximos mandatarios de todas as comunidades autónomas a través dunha videoconferencia desde A Moncloa.

Pedro Sánchez terá que levar esta prórroga ao Congreso dos Deputados, pois por lei o Consello de Ministros tan só pode aplicar un estado de alarma de dúas semanas e toda prórroga debe someterse ao ditame da Cámara.

O Consello de Ministros aprobou o pasado sábado 14 de marzo o Real Decreto 463/2020 polo que se declarou o estado de alarma, que supón unha limitación xeneralizada de movementos para toda a poboación que tan só permite saír das súas casas para a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade ou para regresar á residencia habitual, acudir ao posto de traballo, a centros de saúde ou para coidar a menores ou a persoas maiores, dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables. Todos eses desprazamentos deberán ser individuais.

O presidente do Goberno xa advertiu na noite do sábado, durante unha mensaxe televisada a toda España, que  "lo peor está por llegar" e "todavía tenemos que recibir el impacto de la ola más dura".

Nesa comparecencia, Sánchez reiterou o seu chamamento á poboación para que atenda as medidas de confinamento decretadas polas autoridades: "Si evitamos el contagio, liberamos camas para quien lo necesita, ganamos tiempo. Lo seres humanos somos el tiempo que respiramos. Quedándonos en casa lograremos que muchos sigan respirando".