A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno investimentos por 3,2 millóns de euros "para seguir garantindo dereitos e servizos en todos os concellos da provincia".
Segundo informou en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva "trátase de recursos en infraestruturas, cooperación e turismo".
Concretamente, destínanse 1,5 millóns de euros en 9 axudas do Plan Concellos para 8 municipios e investiranse 1,4 millóns de euros en mellorar tres estradas provinciais en Fornelos, Vigo e Nigrán.
Ademais, aprobáronse 244.700 euros para subvencionar a contratación de persoal cualificado no servizo de atención na rede de oficinas de Turismo Rías Baixas en 28 concellos.
Carmela Silva tamén deu conta do inicio dunha nova edición de 'Música no Ar', o programa de música clásica en pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos ou espazos protexidos co fin de "promover e garantir o acceso igualitario á cultura", ademais de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade.
Serán 15 concertos de música de cámara en espazos patrimoniais con "grandes profesionais do noso territorio con talento recoñecido e un gran protagonismo das mulleres".
A estrea deste programa será o sábado 22 de abril, ás 21 horas, no Templo Votivo do Mar do Concello de Nigrán cun concerto de Ars Sacra Ensemble.