O Goberno retira a Medalla ao Mérito no traballo de Fernández Gayoso, ex presidente de Caixanova

Pontevedra
27 de agosto 2024

O Consello de Ministros aprobou a retirada da condecoración. O exdirectivo de Novacaixagalicia foi condenado pola cobranza indebida de indemnizacións por prexubilacións na cúpula da entidade, "o que contradi o principio de exemplaridade que require o galardón"

Julio Fernández Gayoso, na súa época como presidente de Caixanova
Julio Fernández Gayoso, na súa época como presidente de Caixanova / Wikipedia

A proposta do Ministerio de Traballo e Economía Social, este martes o Consello de Ministros retirou a Medalla ao Mérito no Traballo do ex presidente de Caixanova e posteriormente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso. Tamén a do ex presidente da organización empresarial CEOE, Gerardo Díaz Ferrán. Ambos foran condenados por corrupción. 

Nun comunicado o Ministerio de Traballo sinala que a Medalla de Mérito ao Traballo na súa categoría de ouro de Fernández Gayoso recolleuse no 2006. O ex directivo de Novacaixagalicia foi condenado pola cobranza indebida de indemnizacións por prexubilacións na cúpula da entidade, "o que contradi o principio de exemplaridade que require o galardón". 

O Ministerio de Traballo lembra que a normativa vixente prevé, entre os supostos de revogación desta condecoración, que a conduta e traxectoria da persoa ou entidade condecorada sexa incompatible coa exemplaridade cívica e profesional esixida para a obtención do galardón. 

Así mesmo, engade que se o beneficiario "fora declarado responsable de actos constitutivos de delito ou infracción administrativa", xa fora antes ou despois da concesión, esta medalla resultará incompatible coa citada exemplaridade cívica e profesional.