"Estamos súper contentas". Nati Campos, propietaria do Bar Campos, non podía ocultar este venres a súa felicidade. Do seu establecemento, situado na céntrica Praza de Ravella, saíron os dous décimos premiados co Gordo da Lotería de Nadal, o 88008.
Vilagarcía foi, xunto con Marín e A Illa de Arousa, unha das localidades que puido celebrar dar o gran premio deste sorteo, agraciado con 400.000 euros ao décimo.
Pero, segundo parece, non serían dúas persoas diferentes as que adquiriron este número a través da máquina automática do bar, senón que un mesmo cliente levou os dous décimos.
"Para nós é un orgullo dar este premio", subliña esta hostaleira de Vilagarcía, xa que é a primeira vez que reparten un premio desta entidade no sorteo do Nadal. Ao decatarse que esta vez si que o daba "sentín ganas de chorar", asegurou.
A administración de lotería número 1 da Illa de Arousa, pola súa banda, que xa vendera tres dos quintos premios, volveu a ter sorte e, segundo o seu responsable, estima que vendeu algún décimo solto a través de portelo.