Polo Gorgullón, unha rúa que este verán tivo unha gran trasfega de peregrinos, comezaron os primeiros traballos de reparación que se realizan na cidade no marco do novo contrato para o mantemento dos espazos públicos urbanos.
Adxudicado a finais de xuño á empresa Elsamex por 726.000 euros anuais, o novo contrato garante a presenza permanente de tres brigadas na rúa e, a maiores, un equipo de retén, para manter no mellor estado posible as rúas e prazas da cidade.
Ademais das obras no Gorgullón, tamén se autorizaron actuacións no centro histórico, co fin de resolver pequenas deficiencias de cara á celebración da Feira Franca.
Na vindeira semana está proxectado o comezo dos labores de mantemento nas contornas dos centros de ensino e en diversos puntos da cidade, entre eles a avenida de Lugo.
Todos estes traballos son complementados pola brigada de obras municipais.