O Grove contará coa súa primeira ruta autoguiada

O Salnés
27 de novembro 2020

A iniciativa está integramente subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do programa para a rehabilitación e a sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural

Capela de San Caralampio. Capela das cunchas, na Illa da Toxa
Capela de San Caralampio. Capela das cunchas, na Illa da Toxa

O Concello do Grove ven de obter unha axuda para a posta en marcha da "Ruta Autoguiada da Illa da Toxa". Este proxecto está integramente subvencionado pola Deputación de Pontevedra cun custo de 6.751 euros.

O proxecto consiste na implantación dunha serie de paneis tecnolóxicos interpretativos con diversos elementos divulgativos que serán accesibles de xeito visual e auditivo. Nos mesmos presentarase un itinerario de interpretación e posta en valor de catro lugares do patrimonio histórico da Illa da Toxa, de xeito concreto son o Gran Hotel Balneario a Antiga Fábrica de Xabóns, o Balneario Antigo e a Capela de San Caralampio (Capela das cunchas).

A finalidade do proxecto é contribuir a conseguir un turismo accesible, tendo en conta que este non se ve limitado só polas barreiras arquitectónicas senón tamén polos propios soportes de comunicación e promoción dos destinos. Esta proposta susténtase na xeralización dos smartphones e as posibilidades tecnolóxicas dos mesmos que permitirá a descarga dos contidos a través de textos, gráficos, fotografías e, por suposto, audios e vídeos.

Dende o punto de vista técnico o novo soporte permitirá ser empregado a través de distintas aplicacións ou sistemas e contará con contidos inicialmente en galego e castelán. O sistema supón, polo tanto, unha das melloras que se porán en marcha de cara a mellora tecnolóxica da oferta turística e cultural da localidade.