O Grove esixe "non quedar fóra" do transporte metropolitano de Pontevedra

O Salnés
13 de novembro 2020

Para o goberno municipal do Grove a súa exclusión do plan de transporte metropolitano da área de Pontevedra non esta baseada en criterios técnicos ou xeográficos, senón que responde a cuestións políticas. Por iso, esixen á Xunta de Galicia "non quedar fóra" deste proxecto

Autobús en Pontevedra
Autobús en Pontevedra / Mónica Patxot

Para o goberno municipal do Grove a súa exclusión do plan de transporte metropolitano da área de Pontevedra non esta baseada en criterios técnicos ou xeográficos, senón que responde a cuestións políticas. Por iso, esixen á Xunta de Galicia "non quedar fóra" deste proxecto.

O Concello defende que os mozos e mozas do municipio deben contar "coas mesmas vantaxes" no transporte que os municipios do seu arredor.

"Os nosos rapaces teñen que pagar polos seus desprazamentos a Pontevedra, cando a só uns quilómetros, na parroquia de Noalla, xa non se pagaría", lamenta o executivo local.

O goberno que lidera o socialista José Cacabelos, considera que esta "discriminación" é "incomprensible" porque a liña de transporte subvencionada é O Grove-Pontevedra e, a pesar diso, a mocidade da vila meca non ten acceso á gratuidade no transporte público, polo que seguen a gastar unha media de 120 euros ao mes nos seus desprazamentos.

O Grove defende, ao contrario do afirmado pola Xunta, que esta petición xa foi trasladada "de forma clara e precisa" nas diferentes reunións mantidas co xefe de Transportes en Pontevedra e coa empresa que a Xunta de Galicia contratou para a elaboración do plan de transporte.

Ademais, lamenta que non se aproveitara a situación para crear unha área metropolitana de Vilagarcía para garantir os enlaces axeitados cos trens, xa que considera que a comarca do Salnés "é, sen dúbida, unha das zonas con máis carencia de transporte de Galicia". 

Para o Concello resulta "preocupante" que este tipo de problemas se presenten precisamente nunha consellería "que non busca solucións" para o desdobramento da vía rápida ata A Lanzada, que "non asume o cambio" da tubaxe de augas do Grove ou que provocou o "problema actual coa xestión da EDAR".