O Grove estrea o seu auditorio, "un dos mellores e máis fermosos de Galicia"

O Salnés
04 de xuño 2022

O auditorio do Grove é un edificio vangardista de tres alturas, deseñado con criterios de flexibilidade para garantir un uso multifuncional

O alcalde José Antonio Cacabelos e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inauguran o Auditorio do Grove
O alcalde José Antonio Cacabelos e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inauguran o Auditorio do Grove /

O novo auditorio do Grove foi inaugurado este venres. Ao acto acudiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde da vila meca, José Cacabelos. 

A obra alcanzou un orzamento de 5,1 millóns de euros, dos que a administración provincial achegou 2 millóns de euros e a diferencia foi asumida integramente polo Concello.

Carmela Silva afirmou sentirse "feliz" porque a administración provincial "sexa copartícipe na construción deste auditorio que é un dos mellores e máis fermosos de Galicia"

Pola súa banda, José Cacabelos destacou que o de hoxe "é un deses días para os que me metín en política, un día que reconforta". O alcalde amosouse satisfeito de poder poder poñer a disposición do seu pobo un dos auditorios "máis modernos e funcionais" e que, polo seu deseño, permitirá a celebración de todo tipo de actos adaptando os espazos interiores. 

Ademais recordou que o auditorio do Grove formou parte dos programas electorais de todos os partidos dende as primeiras eleccións democráticas municipais en 1979 e agora "por fin é unha realidade", dixo.

O alcalde, que definiu o edificio como un referente arquitectónico, social e cultural, remarcou que sería imposible afrontalo "sen o apoio inestimable da Deputación de Pontevedra" e sinalou que "outras administracións, que agora mesmo están a financiar outros auditorios municipais noutros municipios aquí non queren facelo; alá cada quen, pero que a xente o saiba".

O Auditorio do Grove é un edificio vangardista de tres alturas, deseñado con criterios de flexibilidade para garantir un uso multifuncional. O inmoble ten 3.000 metros cadrados e foi obra do arquitecto Alfredo Vázquez. Inclúe, ademais do Auditorio con capacidades que van das 200 ás 550 butacas en función das necesidades, os locais para a escola de música.

Ademais está dotado dun ascensor exterior e toda a estrutura está rematada cunha terraza exterior que funcionará como miradoiro ao Atlántico e ás rías e posible sede de actividades ao aire libre.