O Grove reitera as queixas diante do "total abandono" do centro de saúde do municipio

O Salnés
13 de agosto 2020

O Concello do Grove lamenta que "nos últimos días confirmáronse as peores previsións" e a día de hoxe conta cun só médico para atender a toda a poboación local e desprazada

Centro de saúde do Grove
Centro de saúde do Grove

Tal e como se advertira nos meses de xuño e xullo e como se reiterou nas queixas trasladadas por carta e en persoa polo alcalde Jose Antonio Cacabelos aos responsables sanitarios da Xunta de Galicia, O Grove atópase a día de hoxe cun só médico para atender a toda a poboación local e desprazada no seu centro de saúde.

Segundo informou o propio persoal do centro de saúde local, este xoves tan só estaba dispoñible un médico.

O Goberno local afirma que está é "unha situación grave e de alto risco" que non se pode permitir nunha poboación de 11.000 habitantes "que se atopan desatendidos", ao que se engade ser un destino turístico de primeiro nivel "sen contar con servizos adecuados".

Dende o Concello do Grove estudarán medidas para "reclamar a responsabilidade aos cargos que crearon esta situación", ao tempo que se lembra que, de producirse algún problema grave, "se tomarán medidas legais para que se asuman as posibles consecuencias".