O Grove transforma a súa fachada litoral co esperado desdobramento da avenida de Beiramar

O Salnés
31 de marzo 2021

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde do Grove, José Cacabelos visitaron este mércores a estrea da obra de desdobramento en dous carrís da avenida de Beiramar

Estrea do desdobramento da avenida de Beiramar
Estrea do desdobramento da avenida de Beiramar / Deputación de Pontevedra

O Grove estreou este mércores a obra de desdobramento en dous carrís da avenida de Beiramar.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que o municipio dá un paso de xigante na transformación da súa fisionomía urbana con esta infraestrutura ao converter este viario da fachada litoral nunha semicircunvalación de dobre sentido de entrada e saída do municipio, o que favorecerá o desenvolvemento de actuacións de reordenación no centro.

A actuación executouse nun treito dun quilómetro entre a estación de autobuses e a glorieta da rúa Castelao.

"É o que temos que facer os que gobernamos: transformar para mellorar a vida da xente", dixo Carmela Silva que felicitou ao goberno do Grove "que leva anos, como a propia institución provincial, apostando polo modelo de mobilidade segura e amable". 

Pola súa banda, o alcalde José Cacabelos subliñou que esta actuación é "un punto de inflexión como antes o foi a reforma da rúa Castelao ou Alexandre Bóvedae vai marcar un antes e un despois na mobilidade e no desenvolvemento do casco urbano deste concello", ademais de destacala como un exemplo "do que significa a colaboración entre administracións, cando se colabora en positivo na mesma dirección". 

Máis polo miúdo, puntualizou que a de Beiramar, "é unha peza máis no puzzle da mobilidade" que está a levar a cabo o goberno municipal, destinado a "acadar o obxectivo dunha vila amable que pense nas persoas e nas bicicletas e deixe nun lugar máis marxinal aos vehículos".

Este proxecto contou cun investimento de máis de 600.000 euros.