O Hospital Montecelo atende un promedio de 163 urxencias diarias

Pontevedra
17 de xaneiro 2017

O Servizo Galego de Saúde informou que, nos últimos días, a media de afluencia diaria ao servizo de Urxencias no Hospital Montecelo continuou sendo similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 163 urxencias diarias, "aínda que dependendo do día poden rexistrarse picos puntuais", engadiu

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

O Servizo Galego de Saúde informou que, nos últimos días, a media de afluencia diaria ao servizo de Urxencias no Hospital Montecelo continuou sendo similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 163 urxencias diarias, "aínda que dependendo do día poden rexistrarse picos puntuais", engadiu. 

Así, a actividade oscilou entre as 179 urxencias atendidas ao longo da xornada do pasado sábado, día 14 de xaneiro, e as 161 rexistradas o pasado domingo.

A maior parte das urxencias atendidas continúan correspondéndose a "pacientes pluripatolóxicos de avanzada idade, que precisan máis ingreso do habitual, o que conleva a unha maior ocupación de camas, demanda que se asume con total garantía asistencial".

Membros da comisión prevista no plan de continxencia, integrada por responsables da dirección e os responsables dos servizos implicados (Urxencias, Medicina Interna, Pneumoloxía, Admisión e puntualmente Medicina Preventiva), continúan realizando un seguimento e avaliación diarios nas súas xuntanzas técnicas.

Por outra banda, dende o Sergas sinalan que "se continúa reforzando o cadro de persoal naquelas áreas que os ditos responsables o solicitan". 

Estas mesmas fontes oficiais aseguran que "nestes momentos", tanto a unidade de Urxencias, Pneumoloxía e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra "contan con novos reforzos e, puntualmente, tamén se procede ao reforzo de persoal de enfermaría en Urxencias e nas plantas de hospitalización máis sobrecargadas".

O Sergas tamén quixo destacar que, na xornada deste pasado luns, a comisión prevista no plan de continxencia "dispuxo reforzos médicos no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, e tamén de enfermería e técnico en coidados auxiliares de enfermaría". 

No que atinxe á cobertura de Atención Primaria, "todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están prestando servizo nestes intres".