O IDAE concede á Deputación axudas para instalar as placas solares en Caldas de Reis e Ribadumia

Umia
11 de novembro 2022

En concreto, esta achega enmárcase dentro do Plan de Recuperación (DUS 5000). O IDAE financia con esta achega o 85% das actuacións que se levarán a cabo, mentres que o 15% restante repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalan as placas solares

Paneis solares
Paneis solares / Portland General Electric

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) vén de conceder unha nova axuda de 134.000 euros á Deputación de Pontevedra para dotar de instalacións fotovoltaicas a varios edificios de cinco concellos da provincia, entre eles os de Caldas de Reis e Ribadumia. 

En concreto, esta achega enmárcase dentro do Plan de Recuperación (DUS 5000). O IDAE financia con esta achega o 85% das actuacións que se levarán a cabo, mentres que o 15% restante repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalan as placas solares.

Por concellos, o IDAE concede 47.233 euros para instalar as placas solares na Casa Consistorial Caldas de Reis, cuxa instalación terá unha potencia de 21,76 kW e unha produción anual estimada de 26.658 kW, e no polideportivo e a piscina municipal, cunha potencia de 20,4 kW e unha produción anual estimada de 23.876 kW. 

No caso de Ribadumia as instalacións fotovoltaicas colocaranse na piscina e no Club Náutico, onde contarán cunha potencia eléctrica de 10,88 kW e unha produción anual estimada de 12.081 kW, na Casa da Cultura (10,88 kW e unha produción estimada de 13.227 kW) e no Complexo Deportivo (16,32 kW e unha produción anual estimada de 21.585 kW).

Con esta nova achega, no que vai de ano a Deputación recibiu de man do IDAE fondos europeos por valor de preto de 2 millóns de euros para realizar actuacións en doce concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sostible. En total, nos últimos catro anos foron 13,9 millóns de euros de fondos europeos do IDAE para diferentes proxectos con destino a 55 concellos e a unha entidade menor.