O IES Luis Seoane, á final galega do Club de Debate

Pontevedra
05 de marzo 2017

Pontevedra volverá estar representada na final galega do Club de Debate. O instituto Luís Seoane de Monte Porreiro foi un dos dous centros que lograron o pase a esta cita na eliminatoria celebrada este sábado no Pazo da Cultura

Eliminatoria do Club de Debate 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra
Eliminatoria do Club de Debate 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra / Diego Torrado

Pontevedra volverá estar representada na final galega do Club de Debate. O instituto Luís Seoane de Monte Porreiro foi un dos dous centros que lograron o pase a esta cita na eliminatoria celebrada este sábado no Pazo da Cultura.

O equipo de debate do IES Luís Seoane quedou clasificado na segunda posición desta eliminatoria, na que participaron tamén os centros pontevedreses Sánchez Cantón e Torrente Ballester, o instituto de Ponte Caldelas, o colexio San Narciso de Marín, dous equipos do Xulián Magariños de Negreira e outros dous do instituto de Rois. 

O gañador, segundo a valoración do xurado, foi o equipo número 2 do IES Xulián Magariños.

Todos os participantes tiveron que debater sobre un tema de máxima actualidade, o relacionado coa acollida de persoas refuxiadas. Como recollen as normas, cada equipo tivo que defender -en diferentes duelos- tanto a postura a favor a esta acollida como a posición en contra á chegada dos refuxiados.

Na final, que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo 6 de maio, debaterase sobre o futuro da lingua galega entre a mocidade.

En total, no Club de Debate participan 27 equipos de toda Galicia. Son máis de 200 estudantes de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato.