O IES Mestre Landín, seleccionado para poñer en marcha o Programa de Educación Responsable

Marín
10 de xullo 2016

Só sete centros se incorporarán a este proxecto da Fundación Botín en Galicia durante o curso 2016-2017

Profesorado do IES Mestre Landín nunha actividade do Entroido
Profesorado do IES Mestre Landín nunha actividade do Entroido / IES Mestre Landín

O IES Mestre Landín de Marín foi seleccionado para poñer en marcha durante o próximo curso o Programa de Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade. Unha proposta da Fundación Botín na que só se seleccionaron a sete centros en Galicia para participar no proxecto durante o curso 2016-17.

Con esta iniciativa foméntase o ensino para xestionar as emocións, fomentar as habilidades sociais e a prevención dos conflitos, promover a motivación e a creatividade, impulsar a participación e contribuír á formación integral e á autonomía do alumnado.

Este programa levará a cabo durante tres cursos académicos e servirá, segundo a dirección deste instituto de Marín, para canalizar e complementar actividades relacionadas coa educación emocional que xa se desenvolvían no centro.

Ademais, axudará a conectar con outros institutos e colexios que teñan experiencia neste programa.