O IES Sanxenxo cumpre as súas vodas de prata

Sanxenxo
11 de maio 2024

O centro celebrou este venres un acto no que se reuniron os cinco directores da historia do instituto

O IES Sanxenxo celebrou os seus 25 anos de historia
O IES Sanxenxo celebrou os seus 25 anos de historia / Concello de Sanxenxo

O IES Sanxenxo celebrou este venres os seus 25 anos de historia nun acto no exterior que reuniu aos cinco directores do centro, exalumnos, membros da ANPA e tamén autoridades.

Durante as intervencións, a concelleira de Educación, Nati Parada incidiu en que "son moitas as familias que pasaron por este centro, moitos os mestres e mestras que ensinaron e moito o alumnado que se formou non só na parte educativa senon tamén na formativa como persoas. Porque os mestres no só transmitimos coñecementos senón que colaboramos en formar persoas".

O profesor de música Marcial Ruiz encargouse de poñer a banda sonora ao acto no que se inaugurou un mural nunha das paredes do ximnasio, “Camiño das palabras” realizado pola artista Natalia Umpiérrez no que se recompilan palabras de autores galegos, como Neira Vilas, durante a súa visita ao centro.

Na entrada do centro e facendo unha chiscadela á temática na que traballa este ano o centro, o cinema, descubriuse no chan unha ‘estrela da fama’ na que se pode ler "25 anos. IES Sanxenxo, un centro de cinema".