O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou este mércores no encontro mantido coa Asociación de Empresarios Seara para afondar nas posibilidades do proxecto de Ence nas Pontes, un marco no que puxo en valor a importancia desta iniciativa de cara á reactivación industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Neste sentido, Guldrís destacou a complementariedade do proxecto coa factoría de Lourizán, "o que permitirá á compañía pechar o seu ciclo produtivo en Galicia".
Guldrís sinalou que a iniciativa prevé a instalación dunha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustibles e fibras naturais recicladas.
"Estamos a falar dun proxecto que reforza o compromiso de Galicia cun modelo industrial baseado na economía circular e as renovables", dixo o director do Igape, quen incidiu que no actual contexto de transición enerxética esta iniciativa supón unha "oportunidade" para impulsar o binomio industria-sustentabilidade e iniciar a descarbonización das actividades económicas.
Neste contexto, Guldrís incidiu no feito de que "a Xunta de Galicia leva tempo traballando conxuntamente coa compañía para identificar o emprazamento idóneo", e que esta colaboración se vai manter ao longo do proceso de avaliación que está a levar a cabo a empresa sobre os aspectos técnicos, ambientais e financeiros.
Así mesmo, Guldrís sinalou que esta proposta se suma a outros proxectos que tamén se prevé desenvolver nas Pontes, como o de Reganosa e EDP Renovables, para instalar unha planta de hidróxeno verde, e Sentury, que proxecta implantar unha factoría de pneumáticos. Ademais, o Goberno galego aprobou tamén dúas iniciativas empresariais prioritarias na zona, como é o caso dunha fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos; ou a planta de reutilización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas.