O II Encontro Nacional de Políticas Públicas alerta sobre "o renacemento da misoxinia"

Pontevedra
02 de xuño 2022

A coordinadora do II Encontro Nacional de Políticas Públicas, Rosa Cobo, indicou que "é unha resposta aos avances das mulleres a ese 2018 en que milleiros de mulleres saímos ás rúas dicindo que non queriamos máis violencia sexual nin máis desigualdade"

II Encontro Nacional de Políticas Públicas, Rosa Cobo
II Encontro Nacional de Políticas Públicas, Rosa Cobo / Deputación de Pontevedra

A coordinadora do II Encontro Nacional de Políticas Públicas, Rosa Cobo, pechou este xoves as xornadas da Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra alertando de que "hai un renacemento da misoxinia".

A referente feminista e profesora da Universidade de A Coruña indicou que "é unha resposta aos avances das mulleres a ese 2018 en que milleiros de mulleres saímos ás rúas dicindo que non queriamos máis violencia sexual nin máis desigualdade".

Con esta mensaxe pechou este encontro celebrado durante dous días no Castelo de Soutomaior, no que máis dun centenar de mulleres debateron sobre a situación e os retos pendentes do feminismo. 

Rosa Cobo tamén subliñou que ao longo deste Encontro Nacional de Políticas Públicas "quedou claro que a violencia contra as mulleres non é casual, senón que ten un carácter estrutural", e tamén que o desenvolvemento lexislativo en España "é un referente" e que todas as políticas sobre violencia contra as mulleres "deben estar por riba dos intereses electoralistas", apuntou.

Tamén incidiu en que "a violencia, a cultura e a universidade son espazos que fortalecen a desigualdade en lugar de desactivala" e subliñou que "non se poden facer políticas de igualdade sen feministas".

Por último, Cobo agradeceu á Deputación de Pontevedra e a súa presidenta, Carmela Silva, "esta Escola María Vinyals", así como ás relatoras o seu "enorme esforzo" por "facer posible este espazo de reflexión" que, como dixo, "tivo un nivel moi alto".