O 'Ilustrísimo' pasa polos xulgados e é detido por dous novos furtos

Pontevedra
22 de xullo 2014

O mozo delincuente foi detido xunto a un compañeiro como presuntos autores de furtos nos últimos días nunha cafetería e nunha marisquería da cidade levándose un botín de máis de 800 euros

O 'Ilustrísimo' á saída dos xulgados da Parda
O 'Ilustrísimo' á saída dos xulgados da Parda / Mónica Patxot

Alejandro P.C., coñecido como o 'Ilustrísimo', segue sen reformarse e este martes 22 foi detido cando saía dos Xulgados da Parda onde se dirixira por orde xudicial para responder por delitos cometidos anteriormente. Axentes da Policía Nacional identificárono á saída dos xulgados xunto a un compañeiro e ambos os dous foron trasladados á Comisaría de Pontevedra ao ser recoñecidos como presuntos autores de dous furtos nos últimos días en establecementos de Pontevedra.

O 15 de xullo teríase levado 490 euros dunha marisquería da rúa Arquitecto da Sota e posteriormente levouse 320 euros dunha cafetaría da rúa Rouco. O modus operandi empregado polo coñecido delincuente é similar ao utilizado semanas atrás en La Tienda de Clara. O 'Ilustrísimo' e o seu compañeiro de faena entran no local para tomar algo e aproveitan que o camareiro atende a outros clientes na terraza para achegarse ata a caixa rexistradora e levarse todo o diñeiro que se encontra no seu interior.

Durante esta mañá encóntrase prestando declaración na Comisaría de Policía á espera de que sexa posto a disposición xudicial.