O incendio de Portugal, di o BNG, debe ser unha lección para cambiar a política forestal galega

Pontevedra
22 de xuño 2017

O pavoroso incendio que se produciu en Portugal a pasada fin de semana, no que faleceron 63 persoas ata o de agora e que leva arrasadas máis de 30.000 hectáreas, debe servir como "lección" para Galicia. O deputado do BNG, Luis Bará, asegura que esta catástrofe natural ten que provocar un cambio na política forestal galega

Luis Bará, na sede do BNG en Pontevedra
Luis Bará, na sede do BNG en Pontevedra / BNG Pontevedra

O pavoroso incendio que se produciu en Portugal a pasada fin de semana, no que faleceron 63 persoas ata o de agora e que leva arrasadas máis de 30.000 hectáreas, debe servir como "lección" para Galicia. O deputado do BNG, Luis Bará, asegura que esta catástrofe natural ten que provocar un cambio na política forestal galega.

O noso monte, asegurou Bará, está nunha situación "similar" ao de Portugal, polo que os nacionalistas instan á Xunta de Galicia a tomar medidas para "mudar" esta situación e impedir que un incendio destas características "non ocorra no país".

O clima e o cambio climático, a falta de investimento en recursos de prevención e a situación do monte, que xunta abandono e monocultivo altamente combustible, son os factores "determinantes" para que se produzan os incendios e que son necesarios atallar para acadar unha política forestal "efectiva", segundo o BNG.

A curto prazo, o BNG solicita á Xunta que poña en marcha unha nova política forestal que free o abandono do monte e o despoboamento do rural, desbotando un modelo que "obedece aos intereses do monopolio pasteiro" e que está, denunciou o deputado nacionalista, "ao servizo dunha gran empresa".

Bará centrou as premisas desta necesaria nova política forestal no freo ao monocultivo nos montes, na necesidade de combater a fragmentación da propiedade e o minifundio forestal, apostando por promover a ordenación e a xestión colectiva, nunha aposta pola diversificación produtiva das comunidades de montes ou na certificación forestal da madeira galega.

A medida "máis inmediata" debe ser, sinalou Luis Bará, "o freo ao eucalipto no país", onde xa ocupa máis de 400.000 hectáreas de monte. Para iso, propuxo a conxelación da plantación de eucalipto globulus -o que se destina a pasta de papel- e a prohibición de eucalipto nitens, "máis resistente ao frío e con madeira de moi baixa calidade", cuxo destino comercial son as plantas de biomasa. Este último estase a estender en zonas altas de Lugo e Ourense.

Ademais, o BNG solicita que se unifique todo o operativo de defensa contra os incendios, nun ente único "e que poida traballar todo o ano", de forma que profesionalice e se dote de recursos, investindo máis en prevención que en extinción, ao contrario do que ocorre na situación actual.

"Hai unha desproporción absoluta na política de prevención se a comparamos coa de extinción, cando todos sabemos que os incendios non se apagan no verán, nin se apagan con auga, como vimos de ver en Portugal", concluíu o deputado pontevedrés.