O instituto e os colexios de Poio rematan con éxito dous programas de Igualdade

Poio
06 de abril 2022

O instituto pechou este xoves #Desenrédate, unha iniciativa que pon en valor o empoderamento feminino e as novas masculinidades, mentres que nos CEIPS se viñeron celebrando contacontos correspondentes á iniciativa 'Conta comigo, precursora'

Silvia Díaz visita o IES de Poio
Silvia Díaz visita o IES de Poio / Concello de Poio

A tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), visitou este xoves o IES, onde na última semana se levou a cabo o proxecto #Desenrédate, unha iniciativa impulsada ao abeiro do programa 'O saber das Mulleres' con motivo do 8 de marzo e que ten coma obxectivo concienciar á mocidade sobre cuestións como o empoderamento feminino ou as novas masculinidades.

Díaz estivo acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, e destacou a boa acollida que tivo esta actividade, na que tomaron parte máis de 130 estudantes de primeiro de Bacharelato e 4º da ESO. 

Todos eles participaron nas sesións iniciadas a finais de marzo, nas que tamén se puxo o foco no uso das redes sociais e se achegaron pautas para identificar e previr actitudes de discriminación e violencia machista. 

A concelleira de Igualdade agradece a implicación do tecido educativo do municipio á hora de participar iniciativas deste tipo. Precisamente, nos últimos días tamén veñen de rematar as sesións de contacontos 'Conta comigo, precursora', dirixidos a nenos de 2º, 3º e 4º de Primaria nos colexios do municipio e que foron ofrecidos por Polo Correo do Vento. En ambos casos, estas iniciativas financiáronse a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Por outra banda, cómpre destacar que o CIM conta cun novo reforzo para o seu persoal.

Trátase dun estudante do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior en Promoción de Igualdade de Xénero. Esta incorporación temporal realízase ao abeiro do convenio específico para o desenvolvemento da formación en centros de traballo, asinado entre o Concello de Poio e o CIFP A Xunqueira de Pontevedra.