O Juan Sebastián Elcano chegou á Escola Naval de Marín con 127 quilos de cocaína a bordo

Marín
06 de agosto 2014

A droga estaba oculta no pañol onde se gardan as velas e foi descuberta durante un exhaustivo rexistro realizado no arsenal de La Carraca (Cádiz). Tres dos seus mariñeiros foran detidos o pasado 13 de xullo. Foi precisamente en Marín, tras a chegada do buque á Escola Naval para participar nos actos castrenses da festividade da Virxe do Carme

Chegada a Marín del Juan Sebastián Elcano e fin do seu 85 Cruceiro de Instrución
Chegada a Marín del Juan Sebastián Elcano e fin do seu 85 Cruceiro de Instrución /

127 quilos de cocaína. ÿ o cargamento que incautou a Garda Civil a bordo do buque escola Juan Sebastián Elcano. A droga estaba oculta no pañol onde se gardan as velas e foi descuberta durante un exhaustivo rexistro realizado no arsenal de La Carraca (Cádiz), onde chegou recentemente tras completar o seu tradicional cruceiro de instrución de seis meses, no que participaron 23 oficiais, 22 suboficiais, 139 mariñeiros e 69 gardamariñas.

Tres dos seus mariñeiros foran detidos o pasado 13 de xullo. Foi precisamente en Marín, tras a chegada do buque á Escola Naval para participar nos actos castrenses da festividade da Virxe do Carme. Sobre a base dunha orde internacional emitida por Estados Unidos acusábaselles de ter vendido 20 quilos de cocaína en Nova York durante a escala que fixo o Elcano na cidade a mediados de maio.

Inicialmente transcendera que a droga fora adquirida na localidade colombiana de Cartagena de Indias, entre o 14 e o 19 de abril. Segundo informan Miguel González e Jesús Duva en El País, tras a detención dos tres militares, dous españois e un ecuatoriano, realizouse un rexistro inicial, pero non se encontrou o resto da droga coa que presuntamente traficaban. Xa na súa base de Cádiz foi cando se localizou o resto do cargamento.

A cocaína estaba oculta no pañol onde se gardan as velas pregadas e ao que teñen acceso moi poucas persoas, de aí que a Garda Civil non dese por pechada a investigación. Tratan de determinar se é a primeira vez que se facía este contrabando, algo que sospeitan que non é así dada a gran cantidade de droga incautada, e se tiñan cómplices dentro ou fóra do buque. Por cada quilo de droga transportada cobraban uns 3.800 euros.

Os tres detidos ingresaron de forma provisional no cárcere militar de Alcalá de Henares (Madrid). Serán xulgados en base tanto ao Código Militar, que establece penas de ata seis anos de cárcere por este delito, así como tamén por un delito contra a saúde pública, recollido no Código Penal común.