O lago de Castiñeiras agarda pola choiva para recuperar o seu esplendor

Marín
09 de outubro 2018

Despois do baleirado do estanque e a retirada dos animais que nel vivían, o Concello de Marín ocupouse de selar as gretas polas que se filtraba a auga da lagoa artificial

Lagoa de Castiñeiras baleira
Lagoa de Castiñeiras baleira / PontevedraViva

Se se cumpren as previsións esta semana finalizarán as obras de reparación e selado do lago de Castiñeiras.

Despois do baleirado do estanque e a retirada dos animais que nel vivían, o Concello de Marín ocupouse de selar as gretas polas que se filtraba a auga do lago artificial. Os traballos revelaron o mal estado no que se atopaban as zapatas existentes.

Durante estes días reforzouse o muro da presa, para o que foi necesario profundar na zapata de formigón na zona das comportas.

Ademais ampliouse a escavación para construír un dique para conter a auga e instalar unha tubaxe para canalizala e darlle saída.

O tempo seco destes días axudou no ritmo da reparación e permitiu acometer con garantías unha limpeza xeral, pero de ser un estorbo a choiva pasa agora a ser imprescindible para que ao longo dos próximos meses o lago se recupere e volva ter vida coa repoboación deste espazo construído nos anos 50 do século pasado.