O Lago de Castiñeiras volve ser punto de recollida de auga en emerxencias

Marín
16 de setembro 2019

Os traballos de peche da fisura que realizou o Concello de Marín conseguiron que o vaso hidráulico do Lago xa non perda caudal e manteña un nivel constante, mellorando a imaxe global do parque e garantindo a súa utilidade como punto de referencia para sufocar incendios

Helicóptero recollendo auga no Lago de Castiñeiras
Helicóptero recollendo auga no Lago de Castiñeiras

O peche da fisura e a limpeza dos fondos levada a cabo pola Concellería de Medio Ambiente no vaso hidráulico do Lago de Castiñeiras garante que este punto sexa efectivo como lugar de recollida de auga en caso de emerxencias e incendios, tal e como aconteceu nas últimas semanas.

A problemática que existía antes da intervención levada a cabo polo Concello de Marín comportaba unha falta de caudal no lago que poñía en perigo a atención aos incendios, dado que o helicóptero de emerxencias podía chegar a ter problemas para recoller auga, tendo que desprazarse a outros puntos máis lonxe.

As comunidades de montes, propietarias dos terreos, móstranse moi satisfeitas pola recuperación dunha das xoias do Parque de Cotorredondo e inciden na importancia que ten que o lago estea dispoñible para frear situacións de emerxencia que se poidan producir na contorna.

O Concello, a través da súa Área de Medio Ambiente, asegura que ten como prioridade a conservación e posta en valor deste enclave, no que xa levaron a cabo diversas actuacións de mellora, como a renovación da barandilla, a substitución dos vellos carteis por sinalizacións novas e a construción dos asadores, que converteron a Marín no primeiro municipio galego no que poder practicar esta actividade ao aire libre durante os meses do verán.