O Liceo Mutante busca novo local para seguir a súa actividade "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos"

Pontevedra
26 de setembro 2022

O novo espazo debe reunir varios requisitos, entre eles, ter unha renda barata "ou polo menos razoable", ter "certa amplitude", que se atope na contorna da cidade de Pontevedra, que non sexa necesario realizar tarefas de insonorización profesional e no que non se moleste a ninguén as veces que se poida facer ruído

Actividade do Liceo Mutante
Actividade do Liceo Mutante / Liceo Mutante Facebook

Se coñeces algún local que poida servir para a reapertura do Liceo Mutante de Pontevedra, os impulsores da iniciativa agradeceríanche que te poñas en contacto con eles. Podes facelo tanto no correo electrónico [email protected] como a través do seu perfil de Instagram. 

O novo espazo debe reunir varios requisitos, entre eles, ter unha renda barata "ou polo menos razoable", ter "certa amplitude" e que permita unha ocupación similar ao local anterior e tamén que se atope na contorna da cidade de Pontevedra.

Tamén necesitan que sexa un local no que non sexa necesario realizar tarefas de insonorización profesional e no que non se moleste a ninguén as veces que se poida facer algo de ruído.

O propio Liceo Mutante deu a coñecer a través desta rede social que están a buscar nova sede, pois, despois do cese de actividade acordado polo Concello de Pontevedra, déronse conta de que teñen que cambiar de sede

A súa intención é poder continuar co seu cometido, ser "plataforma para facer eventos culturais que consideramos lexítimos e necesarios" de forma regular e "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos".

O Liceo Mutante tivo que cesar a súa actividade a finais de 2021 por orde do Concello de Pontevedra despois dunha serie de denuncias presentadas por un veciño contra o local.

Desde o Liceo insisten en que este veciño "nin sequera reside no barrio" e explican que levan tempo loitando contra este cese, pero non conseguen a reapertura

Segundo explican, desde o Concello de Pontevedra respóndenlles que o local no que exercían a súa actividade na rúa Rosalía de Castro é ilegal e "despois de 11 anos non temos dereito nin a intentar revogar esta situación".

Ademais de insistir que consideran que esta situación é "unha grande inxustiza", recoñecen que xa non poden seguir "remando", por iso é polo que decidiron buscar outro local.