O luns 24 comezan as obras de mellora do Teatro Principal, que obrigan a trasladar as actividades programadas a outros espazos

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

Esta actuación supón un investimento de 438.478 euros e o prazo de execución previsto é de tres meses. Van reformarse os aseos coa intención de mellorar a accesibilidade e a adaptación para persoas ostomizadas, tamén se instalará un ascensor e reforzarase a estrutura da zona superior. Ademais, a iluminación escénica será cambiada por luces led, que suporán un aforro enerxético do 90%

Vestíbulo do Teatro Principal, onde se instalará un ascensor
Vestíbulo do Teatro Principal, onde se instalará un ascensor / Mónica Patxot

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, anunciaba este luns que en sete días, o vindeiro 24 de de xaneiro, iniciaranse as obras previstas no Teatro Principal de Pontevedra, que contan cun orzamento de 438.478 euros.

Estes traballos, segundo explicou a concelleira, divídense en dous apartados. Por unha banda, está prevista a instalación do ascensor interior, situado no vestíbulo, que permita o acceso a todo o edificio ata a terceira planta; a reforma dos aseos da planta baixa para mellorar a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida e tamén se adaptarán a persoas ostomizadas. Está prevista tamén a incorporación de novos aseos no terceiro andar.

Ademais, realizarase un reforzo da estrutura da parte superior de acceso, na zona técnica, que se viu afectada polas altas temperaturas dos focos, segundo indican desde o goberno local.

Precisamente o cambio do sistema de iluminación centrará o outro apartado de obras no recinto cultural. Instalarase un sistema con luces led, que permitirá un aforro enerxético do 90% en comparación co gasto que provocan os actuais focos. O novo sistema tamén mellorará o deseño de iluminación artística dos diferentes espectáculos.

A duración prevista para estas intervencións é de tres meses e, por tanto, espérase que a finais de marzo ou a inicios de abril poida retomarse a programación no Teatro Principal.

Durante este período de obras suspéndense as actividades previstas no recinto e o goberno local sinala que se ofreceron aos organizadores de eventos as instalacións do Pazo da Cultura ou outras alternativas para que se desenvolvan as sesións previstas de concertos, teatro ou proxeccións do Cineclube Pontevedra noutros centros culturais.