O mal tempo adía tres meses o remate das obras do núcleo de centralidade de Tomeza

Pontevedra
15 de febreiro 2021

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns unha ampliación de tres meses no prazo da obra de mellora de infraestruturas na parroquia de Tomeza

Obras do núcleo de centralidade en Tomeza
Obras do núcleo de centralidade en Tomeza / Concello de Pontevedra

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns unha ampliación de tres meses no prazo da obra de mellora de infraestruturas na parroquia de Tomeza.

Segundo explicou a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, a empresa ORESA xustificou esta ampliación nas "condicións climatolóxicas" que impediron cumprir o prazo inicialmente previsto por parte da adjudicatiaria destes traballos para a conformación do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza.

A adxudicación tivo lugar en agosto de 2020 pero as máquinas non empezaron a traballar sobre o terreo ata o mes de outubro.

A empresa ORESA achegou un informe argumentando as razóns deste atraso cos motivos que dificultaron a execución do traballo, como as abundantes precipitacións ou o intenso frío entre outros factores climatolóxicos.

"O novo prazo de remate de execución das obras sería para o 19 de maio de 2021", declarou Anabel Gulías.

O proxecto foi adxudicado á empresa Oresa S.L. por un orzamento de 466.464 euros e tiña un prazo de execución de 5 meses.

Está incluído dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral 'Máis modelo Pontevedra', financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e contempla tres tipos de actuacións, segundo informa ao Concello de Pontevedra.

A primeira inclúe unha reordenación das pistas deportivas, coa creación dun gran espazo polideportivo, executado en asfalto e pintado, no que se instalarán porterías de fútbol e canastras de baloncesto. Na zona de recreo (a zona arborizada), mellorarase o espazo dedicado a merendero coa instalación de mesas, arboledo rodeado de cortiza e chan tratado en area consolidada. No parque infantil prevén tamén a colocación de area e renovarase o peche perimetral de toda a zona, así como a sinalización do estacionamento e da parada de autobús, limitando un espazo para aparcar o bus escolar. Por último, instalarase un punto de auga e unha nova iluminación con proxectores para as pistas de xogo e pivotes baixos para a zona do merendero.

Na contorna da Casa de Cultura de Tomeza en Lusquiños, actuarán na entrada do edificio diferenciando dous pavimentos: un de entrada directa ao Centro cultural, e un segundo de pedra do país. Aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela a través de escaleiras e unha costa. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con area consolidada onde se instalará unha parrillay mellorarase o espazo infantil.

A terceira e última actuación enfocarana na mellora do firme e acougado de tráfico en varios viais da parroquia, coa intención de fomentar a mobilidade peonil e o desprazamento entre as dúas zonas nas que se está actuando.