As obras contratadas polo Concello de Pontevedra para ampliar os servizos básicos do Hospital Montecelo para as obras para o Gran Montecelo terminarán dous meses máis tarde do previsto, en marzo de 2024.
Así o acordou este xoves o Goberno local de Pontevedra nunha reunión da Xunta de Goberno na que se debateu a solicitude da empresa Civis Global, adxudicataria da actuación, para prorrogar dous meses máis a entrega da obra. Estaba prevista para xaneiro de 2024 e finalmente será para o 2 de marzo.
O motivo esgrimido pola empresa é que as malas condicións meteorolóxicas deste outono obrigaron a ir atrasando os traballos. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que son "causas externas" á empresa, de modo que os servizos técnicos municipais aceptaron a prórroga.
A actuación supón ampliar a rede de evacuación de augas pluviais e fecais do hospital coa instalación de tubaxes moi grandes e a profundidade que non puideron instalarse polo mal tempo. "As condicións meteorolóxicas non fixeron posible rematar", explica Vilavede.
O Concello contratou esta actuación por 623.600,45 euros (IVE incluído) e tiña un prazo de execución inicial de tres meses agora prorrogados a cinco.