O Combate Naval, que non se puido celebrar nas Festas de San Roque pola chuvia e fora aprazado para este sábado 2 de setembro, finalmente tampouco será nesa data. As condicións meteorolóxicas adversas volven a ser a causa da suspensión que, neste caso, será definitiva.
O goberno local considera que xa entrado setembro non tería sentido volver a adiar o espectáculo pirotécnico afastándoo máis aínda do seu marco natural das festas de San Roque.
A maiores dos medios materiais e persoais que hai que mobilizar para o dispositivo de seguridade, os preparativos do Combate Naval necesitan de 48 horas de traballo, é dicir, serían precisas as xornadas do venres e do sábado para realizar a montaxe das estruturas e a colocación dos 800 quilos de pólvora que se queiman no espectáculo.
Malia esperar ata o último momento por si as condicións cambiaban a mellor, a última previsión meteorolóxica anuncia chuvias e tamén ventos dunha intensidade que, por motivos de seguridade, impediría igualmente tirar os fogos.
O goberno local asegura ser consciente de que o Combate Naval é un recurso importante que atrae moita xente a Vilagarcía e que xera unha importante actividade na hostalaría local.
Por esta razón, o presuposto que estaba reservado para a súa execución, uns 45.000 euros, reinvestirase noutras actividades lúdicas e culturais que contribúan a dinamizar a economía local.
O executivo lamenta moito que os veciños, veraneantes e as numerosas persoas que se achegan a Vilagarcía só para presenciar o tradicional evento que conta con máis de 150 anos de historia, non poidan gozar del este ano, pero cítaos para o vindeira edición.
Así mesmo, convida a todo o mundo a celebrar o fin das festas e do verán na verbena que o grupo Claxxon ofrecerá este venres, a partir das 23.00 horas, na avenida da Mariña.