O mantemento dos colexios públicos comeza coa limpeza da cuberta do Froebel

Pontevedra
01 de xullo 2023

A concellería de Educación, que no arranque deste novo mandato xestiona Demetrio Gómez, avanza que o mantemento continuará por outros centros de ensino co propósito de que estas obras estean rematadas no inicio do curso escolar no mes de setembro

Traballos de limpeza da cuberta do colexio Froebel Concello de Pontevedra

Coa chegada do verán, o Concello deu orde de iniciar os traballos habituais de mantemento dos centros de ensino de infantil e primaria de todo o municipio.

Estes labores comezaron xa esta mesma semana coa limpeza da cuberta do Froebel. Alí, limpáronse de herbas e musgos o tellado, os caleiros ou as baixantes, substituíronse tellas que estaban rotas e colocáronse as que estaban movidas polos efectos dos temporais.

Este mantemento rematou o venres e tivo un custe aproximado de 42.000 euros.

A concellería de Educación, que no arranque deste novo mandato xestiona Demetrio Gómez, avanza que o mantemento continuará por outros centros de ensino co propósito de que estas obras estean rematadas no inicio do curso escolar no mes de setembro.

Todas elas son pequenas obras que permiten a durabilidade dos edificios e das súas instalacións, e melloran as condicións de habilitabilidade.

Adóitanse facer durante os meses de verán aproveitando o fin da época escolar e que os rapaces e rapazas xa non están nas aulas.