O marisqueo a pé da ría concentrarase ante a Xunta en Campolongo para reivindicar a dignidade laboral

Pontevedra
23 de abril 2024

O sector do marisqueo a pé na ría vai desenvolver esta protesta o martes 30 ás 10.30 horas. Piden axudas dignas, individuais e directas; a flexibilización temporal das obrigas fiscais; a rexeneración dos areais; un plan de continxencias fiable e a implicación real das administracións. Precisamente o BNG demanda en Poio unha declaración institucional de apoio ao sector

Mariscadoras de Lourizán
Mariscadoras de Lourizán / Mónica Patxot - Arquivo

O martes 30 de abril ás 10.30 horas, o sector do marisqueo a pé na ría de Pontevedra está chamado a unha protesta que se iniciará no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.

A marcha reivindicará a dignidade laboral cunha serie de peticións: axudas dignas, individuais e directas; flexibilización temporal das obrigas fiscais; rexeneración dos areais da ría; plan de continxencias fiable; e unha implicación real das administracións.

A protesta está convocada polo sector marisqueiro da ría de Pontevedra.

PETICIÓN DO BNG DE POIO

Nesta mesma liña, o BNG de Poio promove unha declaración institucional do Concello coa intención de que todos os partidos con representación no pleno apoien unanimemente ao sector do mar da ría de Pontevedra.

Marga Caldas, portavoz municipal, denuncia que o persoal que se dedica ao marisqueo leva meses sen percibir un salario ante a crise da salinidade e a alta mortalidade da ameixa durante os últimos meses.

A agrupación nacionalista lembra que desde o mes de decembro están a solicitar apoio de todos os grupos municipais fronte ao "grave problema" que se rexistra nas confrarías debido ao cesamento forzoso da actividade e solicitando medidas urxentes á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para evitar a precariedade, que está a afectar a familias do municipio que dependen desta actividade.