O martes aprobaranse bonificacións a autónomos de Poio que certifiquen a inactividade no confinamento

Poio
12 de xuño 2020

O pleno extraordinario do Concello aprobará esta medida na sesión prevista para o 16 de xuño. Entre elas, a relacionada co recibo do lixo ou a devolución de aqueles importes cobrados en concepto de taxa de instalación de casetas ou postos de venda durante a paralización no estado de alarma

Sede electrónica do Concello de Pontevedra
Sede electrónica do Concello de Pontevedra / Concello de Poio

O pleno extraordinario da corporación do Concello de Poio desenvolverase o vindeiro martes 16 de xuño, será vía telemática e permitirá aprobar diversas medidas económicas que, segundo o goberno local, axudarán a diminuír a crise económica provocada pola parálise empresarial xerada pola Covid-19.

Modificaranse as Ordenanzas Fiscais Reguladoras dos servizos de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, a través da que se ofrecerán bonificacións do 100% a todas aquelas persoas responsables de negocios que acrediten a inactividade durante o estado de alarma. 

Tamén se aprobará outra das medidas acordadas polo goberno tripartito (BNG, PSOE e  Avante Poio), consistente na devolución daqueles importes cobrados en concepto de taxa de instalación de postos de venda e casetas, ademais das taxas de terrazas por ocupación de terreos públicos municipais con mesas e cadeiras durante o tempo en que non puidesen desenvolver esta actividade na etapa de confinamento. Esta devolución executarase mediante compensación do importe que resulte na cobranza destas taxas que se realice no 2021.

A sesión da sesión do pleno extraordinario iniciarase ás 09.30 horas do martes 16 e durante o seu transcurso vai realizarse o sorteo para a formación das mesas electorais das próximas eleccións autonómicas ao Parlamento Galego do 12 de xullo, ademais da  modificiación das bases de execución do orzamento 2020.

Desde o Concello de Poio lémbrase ás persoas interesadas en solicitar o aprazamento ou o fraccionamento das taxas, ata un período máximo de 6 meses, que  peramenecen en suspenso desde o inicio do estado de alarma, como é o caso do lixo, auga e saneamento, que realicen esta tramitación a través da sede electrónica onde figuran os documentos necesarios. Xulio Barreiro, concelleiro de  Facenda, afirma que a medida é aplicable ás persoas que realizan os pagos nas oficinas do  Concello como para as que teñen o recibo domiciliado.

O Concello tamén informa de que a sede electrónica concellopoio.sedelectronica.gal incorpora xa un novo apartado para a solicitude de citas previas e recomenda o uso desta ferramenta para calquera xestión cos departamentos da administración municipal.