O martes comezan as obras na Avenida da Coruña

Pontevedra
28 de xuño 2020

A actuación, que comezará o vindeiro 30 de xuño, vai encamiñada a eliminar o tráfico de paso e priorizar a mobilidade peonil en todo o barrio. A actuación neste vial é o primeiro chanzo dunha reordenación do tráfico no Burgo que tamén implicará a reforma integral da rúa da Santiña

Traballadores de E.C. Casas
Traballadores de E.C. Casas / Cristina Saiz

Este martes 30 de xuño reordénase a circulación en todo o barrio do Burgo co obxecto de eliminar o tráfico de paso coas obras previstas na avenida da Coruña.

A empresa adxudicataria da obra, E.C. Casas, acometerá os traballos neste vial entre o 30 de xuño e o 31 de xullo, co obxecto de cambiar a zona de aparcadoiros, para que queden situados á dereita segundo o novo sentido da circulación prevista (subindo), cambiar a ubicación dos colectores e reacondicionar as beirarrúas.

Convén lembrar que a reordenación do tráfico no Burgo implica que a dirección única na avenida da Coruña pasará a ser de subida en todo o vial.

Durante o mes que duren as obras, restrinxirase o tráfico en toda a avenida da Coruña e só se permitirán accesos para servizos e garaxes, que se realizarán no sentido da circulación vixente neste momento (de baixada e de entrada á cidade). Mentres, o sentido de circulación das rúas Luis Otero e Leonardo Enriquez pasa a ser desde a rúa Juan Bautista Andrade cara a avenida de Compostela.

Esta obra, que conta cun prazo de execución de 3 meses e fora licitada cun orzamento de 191.869 euros, é o primeiro paso dunha actuación máis ambiciosa encamiñada a extender o modelo de cidade a todo o barrio do Burgo. En último termo, esta actuación ten por obxectivo eliminar o tráfico innecesario, nomeadamente o de paso, e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizará a mobilidade peonil en toda a área.

Ademais do cambio de sentido de circulación na avenida da Coruña, o reordenamento de tráfico inverte o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda da avenida de Compostela.

Tamén inverte o tráfico o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída.

Ademáis, o treito histórico da rúa da Santiña, o máis próximo á rúa do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.

Por último, esta actuación leva parella unha reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade.