O mercado ambulante de Carballedo celebrarase o segundo domingo de cada mes

Cerdedo Cotobade
09 de xaneiro 2024

A decisión entra xa en vigor e o domingo 14 de xaneiro os feirantes instalarán os postos nos lugares habituais da Praza da Chan, tras establecerse este acordo entre os comerciantes ambulantes e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

Mercado ambulante de Carballedo
Mercado ambulante de Carballedo

O tradicional mercado ambulante de Carballedo pasará de celebrarse os venres para establecerse o segundo domingo de cada mes. Así o decidían os comerciantes ambulantes tras manter un encontro con Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Con esta medida quérese atender ás demandas da veciñanza e dinamizar economicamente o municipio. Neste mercado ambulante instálanse máis dunha vintena de postos de produtos de roupa, alimentación, enxoval, calzado, fogar e artesanía, entre outros elementos. Ademais, habitualmente establécese un posto con oferta gastronómica e unha polbeira.

Esta actividade comercial comezou a realizarse en xullo de 2016 os segundos venres de cada mes con ao redor de catrocentas persoas que se achegan de maneira habitual polos postos.

A decisión entra en vigor de maneira inmediata e, por tanto, o domingo 14 de xaneiro desenvolverase xa a actividade na Praza da Chan en Carballedo.

O rexedor destacou a importancia deste mercado que é unha "referencia obrigada mensual" atraendo compradores ao municipio.