O mercado de árbores naturais para o Nadal regresa á Praza de Ourense

Pontevedra
30 de novembro 2022

Ao longo de toda esta fin de semana, entre os días 1 e 3 de decembro, calquera persoa que estea a buscar unha árbore viva para decorar na casa con motivos do Nadal poderá atopala no mercado que estará situado na Praza de Ourense

Plantación das primeiras árbores do bosque de Nadal de Tomeza
Plantación das primeiras árbores do bosque de Nadal de Tomeza /

Ao longo de toda esta fin de semana, entre os días 1 e 3 de decembro, calquera persoa que estea a buscar unha árbore viva para decorar na casa con motivos do Nadal poderá atopala no mercado que estará situado na Praza de Ourense.

Este mercado, impulsado polo departamento municipal de Festas, ofrecerá especies como acivros, abetos, plantas decorativas e todo tipo de especies naturais propias destas datas.

Os postos estarán abertos entre as 11:00 e as 21:00 horas.

A compra irá acompañada dunha serie de consellos sobre como coidar as árbores e arbustos durante a súa estadía nos domicilios, especialmente vinculados ás achegas de auga e ao calor. 

Ao igual que na primeira edición, o mercado dará a posibilidade de trasladar as compras ás vivendas dos clientes, especialmente se se tratan de árbores de envergadura.

Aínda que chova, o mercado manterase igual dado que se instalará unha carpa.

En colaboración coa área municipal de Montes, dáse a posibilidade de que estas árbores e arbustos teñan unha segunda vida despois do Nadal co programa Rearborízate.

Rematadas as festas, as persoas que queiran poden levar a súa árbore a unha parcela do monte comunal de Tomeza ou ben cedelas ao Concello que os plantará nesta parcela co nome do seu propietario.