O mercado estival de Portonovo estará inspirado na súa tradición mariñeira

Sanxenxo
21 de maio 2024

Así o evoca a proposta gañadora do concurso convocado polo goberno municipal, que asina a empresa Madeira Arquitectura e Deseño. A feira contará con pérgolas de madeira e teas a modo de vela de barco, ao longo de todo o poboado mariñeiro

Proposta de deseño para o mercado de verán de Portonovo
Proposta de deseño para o mercado de verán de Portonovo / Concello de Sanxenxo

Oitenta casetas fabricadas especificamente para esta cita darán forma ao mercado de verán de Portonovo, cuxo deseño estará inspirado na tradición mariñeira do pobo.

Así o evoca a proposta gañadora do concurso convocado polo goberno municipal, que asina a empresa Madeira Arquitectura e Deseño.

A feira contará con pérgolas de madeira e teas a modo de vela de barco, ao longo de todo o poboado mariñeiro.

Tamén se colocarán cinco casas imitación a pedra, a tamaño real cunhas fachadas de nove metros de longo por catro metros de fondo e catro metros de alto, ademais de arcos de soportais e balcóns, tamén en imitación de pedra.

O deseño está totalmente adaptado á estética mariñeira, que se pode apreciar visualmente coa cor branca e azul das casas de madeira e do paseo con postes en cor blancoven e tanas tipo ollos de boi, embelecidas con decoracións de áncoras ou flotadores náuticos.

No paseo haberá redes mariñeiras engarzadas en todos os postes que o compoñen no seu percorrido, complementados con elementos decorativos, como son unha barca ou unha estatua de mariñeiros.

O deseño completarase cunha iluminación decorativa con 3.000 metros lineais de cable e 6000 lámpadas repartidas por toda a superficie das pérgolas de sombreo.

Esta feira, coa que o Concello prevé ingresar 110.000 euros, comezará a finais de xuño e prolongarase ata o 1 de setembro.

A proposta de venda será variada, desde complementos ata artigos téxtiles. Quedan excluídos do ámbito os postos de carácter alimentario, sen que poidan ocuparse casetas destinadas á venda ou comercialización de calquera produto alimenticio ou bebidas.